Os consellos dun corvo

Publicado: Maio 4, 2012 en Uncategorized

Un corvo vello, antes de sacar os fillos do niño, dáballes algúns consellos, para que soubesen andar polo mundo evitando os  perigos. Dicíalles:

—Mirade, cando vexades vir un home, escapade, porque se vos colle pódevos matar. Se vedes que trae un pau furado, o que os homes chaman unha escopeta, escapade aínda que estea lonxe. Se vedes que se baixa para coller unha pedra, escapade tamén aínda que estea lonxe.

Nisto falou un dos corviños e preguntoulle ó pai:

—¿E se trae a pedra no peto?

E contestoulle o pai:

—Ti podes marchar, que xa sabes andar só polo mundo.

O monxe e o diamante

Publicado: Maio 3, 2012 en Uncategorized

O monxe chegara á aldea e acampou debaixo dunha árbore para pasar a noite. Íbase deitar cando chegou un habitante da aldea, correndo e berrando:

—¡A pedra! ¡A pedra! ¡Dame a pedra preciosa!

—¿Que pedra? — preguntou o monxe.

—Onte á noite aparecéuseme en soños un anxo, e díxome que se viña hoxe ó bosque, entre lusco e fusco, encontraría a un monxe que me daría unha pedra preciosa coa que me faría rico para sempre.

O monxe remexeu no seu peto e sacou unha pedra.

—Seguramente falaba desta.

E doulla.

—Atopeina no camiño hai uns días. Podes quedar con ela se queres.

O home quedou pampo mirando para a pedra. ¡Era un diamante! Tal vez o maior diamante do mundo, porque era tan grande como a man dun home. Colleuno e marchou tan rápido como viñera.

Esa noite pasouna en branco, dando voltas e voltas na cama sen descanso, totalmente incapaz de durmir.

Cando aínda non saíra o sol, foi onda o monxe para despertalo, e díxolle:

—Por favor, dame a riqueza e sabiduría que che permiten desprenderte con tanta facilidade deste diamante.

Boa ou mala sorte?

Publicado: Maio 2, 2012 en Uncategorized

 

Era un home apracible, afectuoso e querido por todos. Levaba unha vida simple nun pobo, coidando do seu fillo, pois enviuvara anos atrás. Posuía un cabalo e, un día coma outro calquera, ó espertarse pola mañá e acudir á corte para darlle de comer ó animal, advertiu que escapara. A nova propagouse axiña por todo o lugar. Pola tarde, moitos veciños foron visitar ó home e dixéronlle:

– Desde logo, ¡que mala sorte tiveches!. Só tiñas un cabalo e marchou.

– Quen sabe se é mala o boa sorte, respondía.

Pasaron os días. Unha mañá, cando o home saía para comezar os seus labores, decatouse de que o cabalo volvera e que ademais fixérao na compañía doutro, brioso. Os veciños acudiron a visitalo e dixéronlle:

– ¡Que boa sorte a túa, que boa sorte! Agora resulta que tes dous cabalos.

– Quen sabe, se é boa ou mala sorte. Volveu a dicir como única resposta.

– Ó dispoñer agora de dous cabalos, el e o seu fillo podían saír xuntos a cabalgar, pero con tan mala fortuna que nunha ocasión o fillo caeu do cabalo e fracturou unha perna. Entón os veciños apresuráronse a visitar ó home e dixéronlle:

– Pero ¡que mala sorte! ¡Qué desgracia! Se non volvera acompañado por outro, agora o teu fillo non tería a perna rota.

– Quén sabe se é mala ou boa sorte –foi de novo a súa resposta.

Pasaron unhas semanas e estalou a guerra. Tódolos mozos do pobo foron alistados, excepto o que tiña a perna fracturada. De novo os veciños visitaron ó home, esta vez para dicirlle:

– ¡Que sorte tiveches!. Se o teu fillo non tivera a perna rota, tería sido alistado.

E o home ecuánime repuxo:

– Quen sabe se é boa ou mala sorte.

Os prexuízos

Publicado: Marzo 29, 2011 en Uncategorized

Un grupo de científicos meteu a cinco monos nunha xaula que tiña unha escaleira no medio que levaba a unha caixa con plátanos.

O experimento consistía en botarlle un chorro de auga fría aos monos que quedaban no chan cando un deles subía pola escaleira.

Pasaron os días e cada vez que un mono quería trepar pola escada, os outros pegábanlle para disuadilo.

Algún tempo máis tarde, xa ningún macaco quería subir, a pesar da tentación dos plátanos . Vendo isto, os científicos decidiron sustituir un mono da xaula por otro novo. O primeiro que intentou facer nada máis entrar o novo inquilino, foi subir pola escaleira, recibindo unha morea de golpes polo resto do grupo.

Despois dunhas cuantas veces, tamén este mono desistiu de seguir tentando subir. Entón meteron un segundo simio  pero volveu acontecer o mesmo. Pero neste caso, o primeiro sustituido participou con especial entusiasmo na malleira ao novato.

Logo cambiouse un terceiro e seguiu acontecendo o mesmo. Finalmente, os investigadores sustituiron os dous últimos veteranos que quedaban.

Desta maneira, na xaula xa só quedaba un grupo de cinco monos que, aínda que nunca recibiran un baño de auga fría, continuaban golpeando a calquera outro que intentase conseguir un plátano.

Creo que se se lle poidera preguntar a calquera un deles o porqué de andarlle a zurrar a quen intentase subir por esa escaleira, seguramente dirían: “Non sei, aquí as cousas sempre se fixeron así…”

O vello, o meniño e o burro

Publicado: Outubro 18, 2010 en Uncategorized

Este verán, nunha viaxe que fixen ao Algarve cuns amigos, escoitei unha historia que non coñecía. E como supoño que haberá diversas versións, contarei a que relatou o tío dun deles.

<O vello que ía ir á feira a vender o seu burro, avisa o neto para que o acompañe e así botan uns contos.

Ao principio, o ancián decide que ambos montarán no burro. Pensa que como o meniño non pesa moito, o animal ben pode cos dous. Entón, ao atravesar por diante duns campesiños que estaban traballando, oen como comentan: “Mirade eses, os dous a cabalo do burro, pobre animal!”

Escoitando isto, o vello dille ao neno que, se non lle importa, vaia un anaquiño andando para alixeirar a carga do équido. Máis adiante atópanse cunhas señoras que estaban a lavar a roupa no río. Estas murmuran: “Mirade que vergoña! O vello enriba do burro e o pobre meniño a pé!”

Báixase do burro o vello e sube, entón, o seu neto para que vaia máis descansado. Non pasan uns metros ata que atravesan por diante dun grupo de mozos que, vendo a estampa, non dubidan en recriminarlle ao meniño: “Mira que ir ti enriba do burro, novo como es, e teu avó andando!”

Entón, despois de deliberalo un anaco, deciden que o mellor é que vaian os dous a pé empuxando polo burro. Pero ao pasar por diante dun bar, os seareiros que alí se atopaban, bótanse a rir: “Vaia dous parvos! O burro que ben pode cos dous, e eles empurrando del”

O vello e o neno quedan mirando o un para o outro intentando atopar a mellor solución para que a xente deixe de criticalos…

Por iso, deciden levar o burro ata a feira ao lombo!!!>

Non cabe dúbida de que é unha fábula canto menos curiosa.  O tío do meu amigo concluíu dicindo que “fagas o que fagas, vante criticar igual”. Estou de acordo. Pero, neste caso, creo que a fábula se refire, máis ben, ao irracional que resulta actuar en función das críticas que recibimos.

Hello world!

Publicado: Xullo 27, 2010 en Uncategorized

Aquí estamos…

Hello world! En fin. Isto en teoría tería que ser unha entrada de presentación do que sexa que vaia escribir aquí. Ben, algo así tiña escrito antes de borralo todo de novo. Que importancia terá iso. Fago un RESET. Que máis darán as formalidades? Comezo de novo.

Un saúdo.